PROXECTO NADAL


O APALPADOR E AS PUPIEIRIÑAS VISITAN O CEIP SERRA VINCIOS

 

Nas festas de Nadal de 2015 a directiva da ANPA Santa Mariña inicia unha programación que se manterá durante sucesivos anos, e coa que quere achegar e dar a coñecer ao alumnado as figuras dos personaxes que na nosa comunidade galega temos para estas datas. Trátase do Apalpador e das Pupieiriñas, cuio significado e características detallaremos máis abaixo.

Para este proxecto preparado con todas as nosas gañas e ilusión contamos coa colaboración do profesorado e da dirección do centro. O mesmo está estructurado do seguinte xeito:

 

FASE 1: PANEIS INFORMATIVOS.

O primeiro paso será a colocación nalgunha zona común do centro que a dirección estime oportuna, de dous paneis que temos deseñados (un para cada personaxe) que se imprimirían a un tamaño grande, mediante os que se busca un primeiro contacto visual e informativo cos personaxes que permita que o alumnado os vaia coñecendo. Amosamos os referidos paneis (preme enriba deles para amplialos).




FASE 2: BIBLIOTECA, CANTIGA E MIOLOS DE PAN.

Mercamos libros de contos do Apalpador e contamos co agasallo dun libro de Pupieiriñas obra de unha familia do centro; os cales lles leremos aos alumnos na biblioteca do centro nos días e horarios que decida a profesora responsable da mesma. Posteriormente estos libros serán cedidos pola ANPA (Apalpador) e polos seus autores (Pupieiriñas) á citada biblioteca.

(Preme enriba das imaxes para amplialas)

 


Ao mesmo tempo e para un traballo conxunto co profesorado facilitaremos unha montaxe de vídeo e son creada por nós, para que os alumnos poidan escoitar e aprender a cantar a “Cantiga do Apalpador”. Aquí contaremos coa axuda dos profesores xa que adicarán un tempo a proxectar o vídeo e cantar esta cantiga coas nenas e nenos, para o que tamén se imprimirán copias da mesma (amósase a continuación) que serán repartidas a todo o alumnado. 

Por último e para facer ver sobre todo aos máis pequenos que as pupieiriñas andan preto, iremos colocando mioliños de pan por algunha zona do centro para que acompañados polos profesores en improvisadas excursións as vaian atopando e que deste xeito vaia medrando a maxia, a ilusión e as gañas de poder ver a estas fadas.

 

FASE 3: A VISITA.

Para o día da Festa de Nadal temos reservada a visita ao centro destas personaxes. Para elo nós mesmos confeccionaremos disfraces cos que un pai e dúas nais se vestirán de apalpador e pupieiriñas respectivamente. Axustándonos aos horarios marcados pola dirección e os profesores, faremos unha escenificación dentro da cal irán aparecendo os nosos protagonistas que deixarán un agasallo mercado pola ANPA a cada un dos alumnos.

Engadimos aquí a vídeomontaxe mencionada nas explicacións da Fase 2.